Novas

sábado, 23 de outubro de 2021

O Concello poñerá en marcha en novembro a primeira ‘Aula Aberta de Formación Cidadá’, con seis módulos sobre o uso seguro das novas tecnoloxías

A concelleira de Participación Cidadá, Ana Lamas, destacou o compromiso do goberno local “por poñer a disposición dos veciños unha ferramenta de balde a través da cal formarse”. Explicou que se abordarán asuntos como a constitución dunha asociación, sistemas de videoconferencia, o uso do smartphone e a alfabetización dixital, ciberseguridade e o uso seguro de redes sociais tanto para familias como para menores maiores de 10 anos


O Concello poñerá en marcha en novembro a primeira ‘Aula Aberta de Formación Cidadá’, con seis módulos sobre o uso seguro das novas tecnoloxías

O Concello de Ferrol vai poñer en marcha a partir do próximo mes de novembro a ‘Aula Aberta de Formación Cidadá’, unha nova ferramenta de balde a disposición da poboación en xeral que ofrecerá seis bloques temáticos ao longo de todo o curso escolar sobre o uso seguro das novas tecnoloxías. 


A concelleira de Participación Cidadá, Ana Lamas, anunciou esta mañá que se trata dunha “interesante iniciativa, a primeira destas características en Ferrol, que busca poñer a disposición dos veciños da nosa cidade unha plataforma a través da cal formarse en asuntos de actualidade, como son as novas tecnoloxías e os seus riscos”. O programa desenvolverase dun xeito mixto, cunha parte presencial —cunha charla inicial e outra final— e outra telemática. A edil indicou que as charlas se celebrarán en distintos centros municipais de Ferrol. 

As materias que se abordarán, tal e como explicou Lamas na comisión informativa da área que tivo lugar esta semana, son Constitución dunha asociación, xestións e trámites online coa Administración; Sistemas de videoconferencia; Uso de smartphone e alfabetización dixital; Ciberseguridade para persoas usuarias; Uso de redes sociais dirixido a familias e, por último, Uso de redes sociais dirixido a menores (maiores de 10 anos). As catro primeiras terán dous edicións e as dous últimas, tres por módulo.

A concelleira apuntou que no contexto actual “é cada vez máis necesario ofrecer á cidadanía ferramentas e recursos que lles permitan afrontar os novos retos tecnolóxicos con seguridade” e engadiu que desde as institucións “debemos prover este servizo para que a poboación perda o medo a relacionarse dun xeito dixital”. 

O primeiro, Constitución dunha asociación, xestións e trámites online coa Administración, está orientado a promover coñecementos básicos que axuden ás persoas a realizar os trámites básicos de constitución dunha asociación, coñecer os aspectos deste tipo de entidades e os tramites necesarios. O módulo Ciberseguridade para persoas usuarias analizará ameazas tales como os virus, os intentos de intrusión ou o roubo de información, e propoñeranse ferramentas para previr ataques.

Sistemas de videoconferencia, ante o seu importante papel na actualidade tanto no ámbito familiar como no profesional, tratará as principais aplicacións, métodos para xerar contidos en directo ou gravados, a preparación dun streaming ou a forma de gardar os contidos para a súa posterior visualización. No módulo Uso de smartphone e alfabetización dixital aclararanse todas as dúbidas e dificultades que os usuarios poidan presentar por mor do avance da sociedade da información, polo que se formará na xestión de contactos, mensaxería, axenda, calculadora, correo electrónico, a descarga e instalacións de aplicacións ou a tramitación de certificados dixitais e citas médicas.

Especial fincapé en formar a menores e ás familias 
A nova ‘Aula Aberta de Formación Cidadá’ impulsada polo Concello inclúe dous módulos sobre o uso seguro das redes sociais, un dirixido a familias e outro a menores maiores de 10 anos. O primeiro abordará os valores da educación no ámbito das redes sociais, os problemas que presentan as novas tecnoloxías e os recursos para aplicar no ámbito familiar. No caso do módulo Uso de Redes Sociais dirixido a menores (maiores de 10 anos), os mozos recibirán formación sobre os novos camiños tecnolóxicos e recursos para previr os seus riscos. Neste punto, a concelleira explicou que a falta de experiencia se debe corrixir “cunha formación temperá que axude aos menores a fortalecer os seus coñecementos”. 

Haberá 15 prazas para cada edición —dous para cada módulo a excepción dos de uso de redes, para os que se ofertarán tres— e o prazo de inscrición abrirase uns días antes do inicio de cada ciclo. Os contidos estarán na plataforma de teleformación de Tagen Ata durante o tempo que dure a formación. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar