Novas

luns, 25 de outubro de 2021

A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto para repoñer o pavimento da rúa Carmen

O órgano tamén deu o visto bo ao proxecto básico e de execución para o reforzo e saneado do noiro na parcela da xunta veciñal de Doniños, cun orzamento de 161.344,09 euros. O BOE publicou hoxe o anuncio de licitación do proxecto para a conexión entre Caranza e O Bertón no marco da actuación de humanización da Avenida de As Pías que vai acometer en Ferrol o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana


A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto para repoñer o pavimento da rúa Carmen

A Xunta de Goberno Local abordou esta mañá tres asuntos correspondentes ao departamento de Obras, que dirixe Ana Lamas, entre eles a aprobación do proxecto para repoñer o pavimento de lastras da rúa Carmen (entre Sol e Callao) cun orzamento de 52.042,73 euros (IVE engadido). O proxecto describe as obras a executar, entre as que se inclúen retirar o pavimento de adoquín e o seu traslado para a súa posterior recuperación e aproveitamento. Dita actuación conta cun prazo de execución de catro meses desde a firma da acta de comprobación de replanteo. 


Tamén se aprobou o proxecto básico e de execución de reforzo e saneado do noiro na parcela da xunta veciñal de Doniños. O proxecto inclúe a reposición do muro, o reforzo do noiro mediante pedra escollera a media ladeira conservando o camiño de serventía, novos canalóns de baixada e tamén canalizacións de augas para garantir a duración, regularidade e seguridade tanto do muro como do camiño. O orzamento total é de 161.344,09 euros (impostos engadido). 

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a memoria da obras de conservación e mantemento necesarias en fachadas e cuberta do edificio de FIMO como consecuencia dos danos ocasionados nos temporais do ano 2019, unha intervención que conta cun orzamento total de 210.867,04 euros (impostos engadidos). Entre os traballos a executar está a limpeza e saneamento da cuberta, a reposición dos taboleiros, chapas de cobre, remates e tapaxuntas deteriorados por outros novos de chapa de cobre, repararanse os canalóns deteriorados e limparase a estrutura metálica e cuberta da entrada, á que se aplicará un tratamento anticorrosivo. Impermeabilizaranse as fachadas, para o que será necesario a reposición de pedras de granito ausentes por outras de idéntico acabado e dimensións e executarase un novo selado das carpinterías exteriores, previa limpeza e saneado. Tamén se repararán os danos causados pola entrada de auga e renovaranse as placas modulares rotas dos teitos, entre outras actuacións.

Un paso máis cara á humanización da avenida das Pías 
O Boletín Oficial do Estado publicou esta mañá o anuncio de licitación do enlace da conexión entre Caranza e Bertón no marco do proxecto da humanización da Avenida de As Pias (estrada FE-14), unha actuación que vai executar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (https://www.boe.es/boe/dias/2021/10/25/pdfs/BOE-B2021-43393.pdf). Unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas, o día 17 de novembro, a apertura da oferta administrativa abrirase o 19 de novembro, a técnica o 26 de novembro e a económica o 23 de decembro. Trátase do proxecto que corresponde ao tramo entre os puntos quilométricos 0.600 e 1.100 e que conta cun orzamento estimado de 4.697.076,62 euros. Entre ambas actuacións —o primeiro tramo, ata o punto quilométrico 0.600, e o correspondente ao anuncio de hoxe—, suman un orzamento de 10,5 millóns de euros. Moveranse un total de 167.000 m3 de terras e crearase un total de 40.700 m2 de zonas verdes, 14.900 m2 de beirarrúas e 1.530 m2 de carril bici. A Avenida das Pías é unha das principais entradas á cidade e dita actuación supoñerá unha notable mellora para a seguridade viaria e humanización da súa contorna. 

 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar