Novas

luns, 25 de outubro de 2021

O pleno do xoves abordará a aprobación do novo regulamento de teleasistencia domiciliaria e a ampliación de prazas do programa ‘Xantar na Casa’

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, trasladou esta mañá aos grupos municipais que xa se está a traballar na redacción dos novos pregos de teleasistencia, que incorporan melloras respecto ao actual


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, trasladou esta mañá aos grupos municipais durante a comisión de área os detalles do novo regulamento de teleasistencia domiciliaria de Ferrol, que establece as condicións para a prestación dun servizo municipal, de balde, dirixido ás persoas domiciliadas na cidade que por razón de idade, enfermidade, diversidade funcional, illamento xeográfico ou desarraigo social precisan desta prestación “para mellorar a súa calidade de vida”, explicou a edil. Dito servizo posibilita “a permanencia da persoa usuaria na súa contorna habitual” posto que a través da liña telefónica, equipamento específico e medios persoais “da resposta a situacións de emerxencia, inseguridade, soidade e illamento co obxecto de potenciar a autonomía da persoa atendida e a da súa familia ou unidade de convivencia”. 


O servizo permite aos usuarios, con só pulsar o botón dun terminal, entrar en contacto verbal as 24 horas do día os 365 días do ano cunha central atendida por persoal especializado. Consiste polo tanto nun “modelo de acompañamento personalizado e periódico que favorece a continuidade das persoas no seu contorno”. 

Martínez Montero explicou esta mañá que o actual contrato remata en verán e desde o departamento de Benestar Social estase a traballar na redacción dos novos pregos, que incorporan melloras respecto ao anterior, como por exemplo “adaptar a prestación ao avance no uso das novas tecnoloxías por parte dos usuarios, polo que se incluirá a posibilidade de prestar o servizo a través do teléfono móbil”. Os terminais, na actualidade 200, “serán cada vez mellores, máis precisos e cun uso máis sinxelo”. A concelleira agradeceu aos grupos municipais as súas achegas e o ditame favorable do grupo municipal do Partido Popular. O novo regulamento someterase á votación da corporación no pleno do mes de outubro, que se celebrará o próximo xoves, 28 de outubro.

Aumento de prazas no programa Xantar na Casa 
Na comisión de hoxe tamén se someteu a ditame a aprobación da addenda do convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ferrol para o desenvolvemento do programa ‘Xantar na Casa’ que recolle as condicións para ampliar o número de prazas ata 55 (na actualidade son 45), unha proposta que tamén contou co voto favorable do grupo municipal do PP. A concelleira solicitou ao goberno autonómico en dous ocasións (en maio e en setembro) a necesidade “urxente” de aumentar o número de prazas ante o incremento de solicitudes nos últimos meses e advertir polo tanto do risco de xerar lista de espera nun servizo que cubre as necesidades básicas de alimentación de persoas maiores ou dependentes da cidade que requiren axuda para a preparación da comida —ben por ter limitada a súa autonomía persoal, por carecer de apoios familiares ou por estar en exclusión social— proporcionándolles unha atención adaptada as súas necesidades. A aprobación da addenda tamén se someterá o xoves ao pleno da corporación. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar