Novas

martes, 26 de outubro de 2021

O Concello adquirirá un novo camión bomba para o corpo de bombeiros

A compra do denominado BUL, que substituirá a un dos dous das mesmas características que prestan servizo na actualidade, financiarase nun 90 % cunha achega da Xestora de Concertos para a Contribución aos Servizos de Extinción de Incendios AIE. O vehículo ten un custo estimado de 425.982,87 euros, dos que a Administración local deberá asumir 42.598,29, e contará cunha cisterna de cando menos 3.000 litros e un cabrestante cunha capacidade de arrastre dun mínimo de 5.500 quilos


O Concello adquirirá un novo camión bomba para o corpo de bombeiros

O goberno local vén de acordar a adquisición dunha bomba urbana lixeira (BUL) para o corpo de bombeiros municipal. Na actualidade prestan servizo no parque ferrolán dous destes vehículos, e a intención é que o novo substitúa ao máis antigo, de 17 anos. Para financiar a compra vaise empregar a liquidación da Xestora de Concertos para a Contribución aos Servizos de Extinción de Incendios IAE correspondente aos anos 2018 e 2019. Así, mediante o convenio asinado con esta entidade, o custo total do BUL, calculado en 425.982,87 euros, será sufragado nun 90 % (383.384,58 euros) coa achega da mesma, mentres que o Concello asumirá o 10 % restante (42.598,29 euros), segundo detallou o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya. 


Entre as características que requirirá a Administración local para o novo camión figuran un mínimo de potencia de 250 CV, que conte cun dispositivo de remolque de 3.500 Kg, tres armarios en cada lateral da carrozaría para aloxamento do material da dotación, unha cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade como mínimo, unha toma de forza conectada á caixa de cambios, unha bomba contraincendios centrífuga de presión combinada, un carrete para 40 metros de mangueira semirríxida de 25 milímetros de diámetro, un cabrestante eléctrico con capacidade mínima de arrastre de 5.500 Kg e todo o material necesario para a dotación de bombeiros. 

O Concello poderá designar unha persoa para inspeccionar os traballos de carrozado do vehículo. O adxudicatario, que deberá entregar o BUL nun prazo máximo de oito meses dende a sinatura do contrato, deberá impartir ao persoal do corpo de bombeiros a formación necesaria para o manexo do equipo. O prazo de garantía será de dous anos como mínimo, e o contratista comprometerase a dispor dos repostos precisos durante un período de dez anos. 

Autoescadas 
A adquisición deste camión únese á recente compra dunha autoescada que o Concello ten previsto recibir ao longo do mes de novembro. Este vehículo tivo un custo de 248.050 euros e substituirá ao máis antigo dos dous cos que contaba o corpo contraincendios municipal. Ademais, antes de fin de ano está previsto que se reintegre ao servizo a outra autoescada, que acaba de ser reparada e unicamente está pendente dunha revisión de ditos traballos. 

Así, os bombeiros de Ferrol contarán con dúas autoescadas e dous BUL en condicións axeitadas para operar. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar